Valor histórico

Desde as primeiras mencións no Códice Calixtino, no s. XII, o Monte do Gozo sempre foi recoñecido polos peregrinos como un lugar de inmenso valor emocional e espiritual. E é que este outeiro, de 380 metros de altitude, é o lugar do Camiño Francés no que se divisan por primeira vez as torres da Catedral.

Exemplo da súa importancia, é o feito de que, ao longo da historia, o Monte do Gozo apareza como o segundo lugar máis citado do Camiño, só por detrás da Catedral. É tamén escenario de lendas, milagres e tradicións centenarias, como a de nomear rei da peregrinación ao primeiro camiñante que alcanzaba a súa cima cada día.

A importancia simbólica do Monte do Gozo explica que, no ano 1989, o papa Xoán Paulo II o escollese para celebrar os actos centrais do Encontro Mundial da Mocidade. Como conmemoración desta visita, na cima do monte pode admirarse un monumento obra da artista brasileira Yolanda D’Augsburg Rodrigues.

Ademais, durante o Ano Santo de 1993, engadíronse ao miradoiro de Monte do Gozo as Esculturas de Peregrinos, realizadas polo escultor galego Acuña.