O Camiño de Santiago

Durante doce séculos, o Camiño de Santiago acompañou aos peregrinos ata o santuario do apóstolo Santiago o Maior.

En torno ao ano 820, o eremita Paio descubriu a tumba do apóstolo Santiago no monte sacro do Libredón. Este acontecemento, un dos máis importantes da Idade Media en toda Europa, levou inmediatamente ao rei Alfonso II a ordenar a construción dunha pequena igrexa para venerar os restos.

Este sería o xerme dunha famosísima Catedral que comezaría a construírse no ano 1075 e dunha ruta de peregrinación hoxe en día declarada Primeiro Itinerario Cultural Europeo polo Parlamento Europeo e Patrimonio da Humanidade da UNESCO.

Co auxe do Camiño Francés nos séculos XI-XIII, o Camiño de Santiago converteuse non só nunha das rutas de peregrinación máis importantes do mundo, senón tamén nunha vía de transmisión do coñecemento e diálogo de culturas.

Como eixo vertebrador de Europa, o Camiño xogou un papel fundamental na difusión dos grandes movementos culturais e artísticos do continente, contribuíndo decisivamente ao desenvolvemento das diferentes culturas europeas.

Hoxe en día, a peregrinación xacobea transcendeu como movemento espiritual e relixioso, sumando as motivacións de todo tipo de camiñantes e presentándose como unha experiencia enriquecedora en numerosísimos ámbitos.

Trátase dunha viaxe vital que fala de natureza, de historia, de cultura e de valores como a solidariedade, a fraternidade e a comprensión mutua.

Unha experiencia transformadora que, sen dúbida, merece a pena vivir.